Thursday 16 de May de 2024

Ministerio de Transportes e compañías aseguradoras responsables dun novo caos circulatorio nos accesos á cidade


Un simple roce entre un camión e un turismo provocou esta mañá un novo colapso circulatorio nos accesos á cidade da Coruña. A deficiente rede viaria, que o Goberno de España non ten intención de mellorar a medio prazo, provoca que un incidente insignificante corte o tráfico na ponte Pasaxe mentres os vehículos implicados realizan trámites para as compañías aseguradoras.

O Goberno de Oleiros leva anos reclamando a necesidade de mellorar os accesos viarios á cidade, para evitar episodios como os de hoxe. A non finalización da vía Ártabra, paralizada polo Goberno de Cambre por intereses persoais e particulares, así como a falta de previsión por parte do Goberno de España para realizar as ampliacións de Alfonso Molina e a ponte Pasaxe provoca situacións caóticas como as vividas esta mañá.

Para denunciar estes feitos, o Concello anima a enviar correos electrónicos ao Ministerio de Transportes (mitma@mitma.es), Delegación do Goberno (sec.delegado.galicia@correo.gob.es) e Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (demarcación.galicia@mitma.es), responsables dos atascos nos accesos viarios á cidade da Coruña pola falta de investimentos na súa mellora.